Your search
Results 259 resources
-
Neste traballo ofrecemos unha análise das políticas de tradución da Xunta de Galicia, dando conta tanto do apoio económico das últimas décadas como do apoio loxístico que a Administración galega prestou co fin de promover a tradución de textos do e ao galego. Para poder optimizar os esforzos neste ámbito, insistimos na creación dunha «Oficina do Libro» que analice e aconselle estratexias de actuacións en materia de tradución. Canto ás subvencións, constatamos que cumprirían partidas orzamentarias máis xenerosas para poder apoiar as traducións do e ao galego, así como unha revisión e ampliación das actuación neste eido. Propoñemos promover a tradución de textos diferenciadores ou á marxe da cultura hexemónica e relegar a tradución (importación) de clásicos a un segundo plano.
-
[Resumo] Até ben entrada a década dos oitenta, a tradución serviu para prestixiar a lingua e cubrir moitos baleiros do campo literario galego, sobre todo o que ía directamente dirixido ás persoas máis cativas. Ademais, a escolla dos temas e obras pretendía fortalecer un ideario identificador como foi o labor das e dos intelectuais da época Nós. Aínda que estas funcións seguen a ter a súa relevancia, con este traballo demostramos que a produción literaria traducida desenvolve outras facetas nos últimos anos. A función normalizadora lingüística pasa a un segundo posto nesta última década para outorgarlle o protagonismo á normalización cultural. Como veremos na análise realizada a partir dos datos, a tradución fai posible que se incorporen ao patrimonio cultural galego novos discursos, coñecementos e formas de pensamento, que se afastan en ocasións, da dinámica xeral que caracteriza as linguas fortes ou hexemónicas. A preocupación por traducir textos procedentes de novos lugares e novas materias é cada vez maior, aínda que seguimos a depender dos sistemas máis próximos que deciden o canon, e esa dependencia por veces tampouco é allea a territorios máis distantes importados. É imprescindible decatarse de que temos unha visión europeísta e limitada do que se considera universal, e o papel da investigación debe ser o de interesarse, tanto polas motivacións que conducen a que un texto sexa traducido e como se traduce, así como polos discursos creados ao seu redor e as razóns que levan a que determinados textos e autorías non cheguen a ver a luz.